Ribadavia

Ribadavia é un concello galego da provincia de Ourense e pertencente á comarca do Ribeiro, moi famosa polos seus viños. A etimoloxía do seu nome significa “a ribeiras do río Avia”, na súa versión romana Abobriga ou latina Rippa Avie.

A Comarca do Ribeiro atópase entre as serras de Faeo e o Suido, onde conflúen os vales do Miño, Avia, Arnoia e Barbantiño.

Esa serie de vales entre os cales se define Ribadavia que constrastan coas terras circundantes moitas das cales son destinadas ao viñedo.

Rodeada de releves montañosos e ao resgardo da influenza oceánica, o cultivo da vide é a característica dominante da paisaxe sendo unha terra regada por unha densa rede fluvial cun microclima seco e cálido pero con humidade durante o inverno.

O área urbana descansa no lado dereito do río Miño e na derradeira parte do río Avia.

A zona xa era poboada na época castrexa. Coa chegada dos romanos proseguiu o aproveitamento mineral (especialmente do ouro) e das augas termais. Segundo Estrabón a mediados do século II xa se elaboraba viño do Ribeiro. Posiblemente se corresponda coa poboación romana de Abobrica.

A rexión foi asolada no 754 polas tropas de Abdul-Azis e conquistada no 793 por Abdul-Malek, sendo máis tarde reconquistada por Afonso II. Durante a Idade Media foi coñecida como Rippa Avie. Foi capital do Reino de Galicia entre os anos 1065 e 1071, durante o reinado do rei Don García. No século XII aumentou o poder económico da vila, o que derivou nun aumento demográfico. Este auxe coincidiu co dos mosteiros de San Clodio de Leiro, Melón e Oseira e da encomenda da Orde de Malta en Beade. Fernando II concedeulle en 1164 o foro de cidade, entón chamada Bobou, e entregouna a Xoán Aria da Casa de Traba.

Na vila prosperou unha comunidade xudía na zona da Porta Nova, que traballaban de comerciantes e artesáns. O Barrio Xudeu conserva aínda as súas características propias, sendo declarado monumento nacional.

En 1375 Henrique II de Castela nomeou a Pedro Ruiz Sarmiento señor de Ribadavia e Adiantado Maior do Reino de Galicia polo seu apoio na guerra dinástica contra o seu medio irmán Pedro I. Así perdeu o status de vila reguenga e iniciouse o señorío dos Sarmiento. En 1386 foi asediada durante nove meses polas tropas do duque de Lancaster, tralo cal foi invadida. o conflito quedou liquidado tralo acordo de Baiona (1388).

A partir do século XIV comezou a comercializarase o viño a través do porto de Pontevedra cara ao estranxeiro: Francia, Portugal, Italia e especialmente Inglaterra. En 1476 os Reis Católicos concederon o condado de Ribadavia a Bernardino Pérez Sarmiento pola axuda na guerra contra Xoana a Beltranexa e o seu aliado Pedro Madruga. En 1494 os mesmos reis expulsaron os xudeus dos seus reinos. En Galiza non houbo pogroms ao se converteren os hebreos ou fuxiren ao reino de Portugal durante as visitas da Inquisición.

En 1840 formouse a banda de música da vila, A Lira de Ribadavia, considerada a máis antiga de Galiza. En 1853 a praga do oídio minguou as vides, e en 1892 foron o mildio e a filoxera. Isto provocou que as variedades autóctonas da planta desen lugar a outras máis fortes pero de menor calidade.

Durante a guerra carlista, houbo enfrontamentos na comarca entre a banda de Mateo Guillade e as tropas da milicia nacional. Durante a revolución de 1868 estaba de rexedor local Cesáreo Rivera Abraldes, primeiro alcalde do sexenio democrático (1868-1873). Durante o seu mandato organizou unha milicia local de oito compañías para defenderse das partidas carlistas. Fundou a loxa masónica Luz de Avia, activa entre 1871 e 1894. O 4 de marzo de 1881 inaugurouse a estación de Ribadavia, a medio camiño entre Vigo e Ourense.

A comezos do século XX xermolou o asociacionismo agrarista, co fin de modernizar os cultivos e para derogar os foros existentes, destacando as asociacións de Ribadavia e San Paio. En Ventosela tivo lugar un mitin en 1920.

Tras o golpe de estado de 1936, o alcalde Benito Gallego Montero foi detido, xulgado e fusilado en Ourense (en 2016 o concello de Ribadavia rendíulle homenaxe a todos os republicanos de Ribadavia e tamén a este último alcalde coa instalación, entre outras accións, dunha placa conmemorativa no cemiterio onde están os seus restos).

En 1943 o alcalde Tirso Sánchez Rey foi nomeado procurador en Cortes. O concello pertenceu até 1954 á diocese de Tui-Vigo, pasando nese ano á diocese de Ourense, xunto cos de Melón, Carballeda de Avia, Leiro, Beade e Padrenda (fonte wikipedia).

Ribadavia, capital do reino de Galiza

Monumentos e lugares de interese

  • O Museo Etnolóxico, de especial interese para coñecer a historia da zona.
  • A Capela da Nosa Señora do Portal, mestura de estilos
  • A Igrexa de San Xes, que data do século XV, declarado Monumento Nacional durante a segunda metade do século XX
  • A Igrexa de San Xoán, que data dos séculos XVI-XVII
  • A Igrexa de Santiago, do século XV, de estilo gótico nalgúns dos seus elementos
  • O templo de San Francisco, datado no século XVII, de estilo barroco na súa concepción
  • O Conxunto Monumental de San Domingos

Festas e tradicións

  • A Feira do Viño do Ribeiro, que se celebra sobre o 1 de maio
  • A Mostra Internacional de Teatro que se celebra durante o mes de xullo
  • A Festa da Istoria, que se celebra o derradeiro fin de semana de agosto
  • As Festas do Portal, patrona do Ribeiro, que ten lugar o 8 de setembro
  • A Noite Meiga, que se celebra no Samaín na comuñón cos espíritos dos defuntos, no sábado das datas de Fieis Defuntos