A música é un dos pilares nos que se basea a Festa da Istoria, o que queda reflectido na súa oferta musical, que nos achega sempre recoñecidos e interesantes grupos. Nesta XXXI edición ofrece, durante tres días seguidos, diferentes actuacións, pasarrúas continuos polo centro histórico e tres concertos principais enmarcadas dentro da actividade “Sons da Istoria”: Pepe Vaamonde Grupo, Tiruleque e Habelas Hainas.

A agrupación compostelá de música folk, Habelas Hainas, dará o pistoletazo de saída á festa o xoves 29 na Praza da Madalena ás 23:00 horas, achegando unha proposta de música de raíz galega feita por catro artistas, comprometidas coa posta en valor da muller dentro do mundo da música.

O venres 30 haberá dúas actuacións diferentes dirixidas aos distintos gustos.

A primeira delas será ás 20:30 horas na Igrexa de Santiago, cun concerto de música medieval a cargo do Coro da Istoria e mais o grupo invitado de folk medieval Albaluna Folk, que chega do veciño Portugal.

Xa pola noite, ás 00:00 horas actuará diante da fachada do Castelo dos Sarmiento o premiado grupo coruñés de folk TIRULEQUE. Os seus concertos son ben coñecidos por potenciar a música bailable con pura raíz galega, perfecto para animar a noite da véspera da festa.

Para rematar co mellor sabor de boca o día grande do evento, o sábado 31, terá lugar na praza de San Martiño ás 23:00 horas o concerto folk de Pepe Vaamonde Grupo, cun espectáculo baseado na forza e contundencia da música folk galega para o directo.

Consulta o programa completo aquí: XXXI Festa da Istoria.