Xadrez
Un xogo tan coñecido e divulgado na época medieval –lembremos o Libro de Xadrez, dados e táboas (1283) de Alfonso X O sabio- tiña que ter cabida na Istoria e ser unha actividade particularmente coidada polos organizadores da Festa.
Sobre un gran taboleiro (12 x 12 metros) pintado sobre a pedra do escenario do Auditorio do Castelo xógase unha partida curta entre dous contrincantes.
As pezas brancas e negras son representadas por nenos e nenas, voluntarios de entre 5 e 10 anos, tocados cunha carapucha da súa cor que representa a cada peza.
As pezas loitan con espadas de madeira e os que van morrendo son sacados do taboleiro nunhas angarellas de madeira.
É unha actividade moi vistosa e permite a participación voluntaria dos máis pequenos no desenvolvemento da Festa.