Estamos de estrea cun novo portal web moi visual, versátil e accesible, pensado especialmente para achegarlle ás persoas asistentes toda a información relevante sobre a Festa da Istoria. O desenvolvemento deste sitio foi posible grazas á colaboración de Balidea, empresa punteira do sector TIC galego, que nos apoia dende hai moitos anos e que recentemente fixo tamén posible a APP da Festa da Istoria.

O novo portal é un espazo moi dinámico que lle permite aos visitantes entender dunha ollada en que consiste a Festa da Istoria, así como dispoñer de forma rápida e sinxela de toda a información necesaria para asistir ao evento.

Artéllase en torno a catro seccións principais: A Festa, Programa, Actualidade e Información Práctica. Na primeira delas explícanse os elementos principais do evento, os seus momentos máis destacados así como as diferentes maneiras de participar nel e gozalo plenamente. Na segunda detállanse todas as actividades por días da edición vixente, cos seus horarios e lugares.

Preguntas frecuentes e indicacións prácticas

“Actualidade” recolle todas as noticias xeradas pola Festa e a súa Coordinadora. E por último, en “Información práctica” dáse reposta ás preguntas máis frecuentes: como alugar vestimenta de época, como conseguir os marabedís (moeda oficial da Festa), como é o acceso ás actividades, como solicitar un posto de artesanía… Así mesmo, inclúense indicacións sobre como chegar e moverse, onde comer e durmir e a onde acudir en caso de emerxencias.

O novo portal web da Festa da Istoria ten tamén unha importante carga visual, recollendo unha gran cantidade de imaxes representativas dos seus momentos destacados; e integra as súas canles sociais en Facebook, Twitter e Instagram.

Grazas á súa versatilidade e á gran facilidade para engadir ou quitar seccións, o sitio seguirá evolucionando nos vindeiros meses para incluír referencias ás edicións anteriores da festa e darlle cobertura ás actividades que dende a Coordinadora da Festa da Istoria se organizan ao longo de todo o ano.