Mercado medieval
Moitos oficios tiveron na vila medieval o seu marco privilexiado e a concentración nela da actividade mercantil favoreceu o desenvolvemento de mesteres especializados para subministrar produtos varios, utensilios de traballo e servicios ós seus residentes e tamén ós labregos que acudían ás súas prazas e mercados para intercambiar os seus propios produtos polos que producían os artesáns. O campesiño, o burgués, o comerciante e o artesán eran, na feira e na festa medievais, os protagonistas do drama.
O día da Istoria Ribadavia é unha inmensa feira medieval pola que discorren e florecen oleiros, cesteiros, palilleiras do litoral, tecedeiras, zoqueiros, zapateiros e talabarteiros, escultores, entalladores e imaxineiros, prateiros, esmaltadores e acibecheiros, naseiros, canteiros, ferreiros e forxadores.
As prazas da Vila, a praza dos artesáns no pazo dos Bahamonde e algunhas rúas principais acollen ós posuidores destes mesteres e oficios, dispostos a nos engaiolar cos seus produtos e a nosa vontade máis uns cantos marabedís, que teñen moito menos valor que o saber que se acocha trala ola, o encaixe, a xoia, o queipo, a chanca ou o cinto feitos e creados polo mestre e os oficiais expertos en tan vedrañas artes.
A Coordinadora ponlle os postos gratis, préstalle a vestimenta medieval a aqueles que non a teñen e págalle os gastos de viaxe, de traballo e de comida a aqueles que só expoñen e non venden.
As tradicións respectadas son as que manteñen a historia dos pobos
No programa deste ano…
- Venres 30 de 11:30 a 15:00 e de 18:00 a 23:00 (na Alameda)
- Sábado 31 de 10:30 a 23:00 (nas Alameda e nas prazas e rúas do centro histórico)