Xantar medieval
Unha igrexa desafectada de culto, a da Madalena, é o marco para a celebración deste evento gastronómico. A sobriedade arquitectónica do recinto conxúgase co ornato das bandeiras, reposteiros e emblemas heráldicos distribuídos perimetralmente polo refectorio deseñado ó efecto e que dan a pertinente acollida ós manxares que se serven ós cen comensais que poden ser acollidos neste espazo.
A Coordinadora da Festa da Istoria traballa, ano tras ano, para que este acto acade o éxito procurado. Do seu bo facer falan as numerosas peticións e reservas que fan todos aqueles que desexan revivir a experiencia de cabaleiros, nobres ou príncipes axuizando a bondade dos produtos da terra e combinando a mercé do río, coa galanura das vitelas e carnes, sempre baixo o fluír acompasado dos aromáticos brancos e dos rexos tintos dos vales de Castella, nome que recibía daquela O Ribeiro.
O prezo por persoa ronda os 38 marabedís (38 euros), cantidade asumible para quen vela armas ou enseñorea nome e liñaxe con escudos prestixiados e vedraños. Louza, barro e madeira, xunto con garfos e coitelos de ferro foron subministrados para facer máis doada a inxestión a tan selectos comensais. A intención, sabia e cristián, de non enfurecer a mestrais, labregos, e demais membros da gleba obrigou a non incorporar ouro, prata e outros metais preciosos á cobizada celebración culinaria. Naturalmente, ostentar galas e roupaxes de época é esixido a tan fachendosos comensais.
Produtos e manxares de contrastado consumo medieval como empanadas, peixes de río, anguías e lampreas, carnes de porco e chourizos, costelas, cabrito e vitela conquistan a compaña obrigada de larpeiradas varias nas que se mesturan tartas de castañas e noces con mel, amendoados e mazapán (mahxabán) con froitas, melindres ou requeixón. Todo baixo a musicalidade proporcionada polos caldos elaborados con torrontés, treixadura, loureira, lado e albariño ou polos tintos ofrendados polo sousón, o brancellau e o caíño (o “pai do viño”).
Os licores de froitas e os augardentes conxuran a indixestión e dan solaz á xuntanza convidando a rematar a saudable reunión con sorrisos, palabras e cantos.